FINAL DE CURSO

Termina este curso con numerosas novidades, recoñecementos e un gran traballo, de novo, do alumnado que participa neste proxecto de alfabetización cinematográfica e mediática tanto nas optativas de bacharelato como na materia de Educación Plástica, visual e audiovisual.

Para empezar temos que felicitar a Rosana, Sara e Ainhoa polo 1º premio Península do festival canario CINEDFEST na categoría de secundaria pola curtametraxe Máis Aló, a Martín e Yaiza polo Premio Olloboi ao mellor montaxe pola curta Esta son eu e aos creadores das curtas Vals nº1 e Antivals pola mención nos premios Olloboi como finalistas nas categorías de Arte, Fotografía e BSO, todos este premios acadados no último mes.

E temos que felicitarnos todos porque o Proxecto Aturuxo Films – Imaxinando Músicas foi recomendado pola UNESCO para a alfabetización mediática e informacional a través do seu programa UNAOC o que dá idea da importancia que está a alcanzar este proxecto educativo.

https://milunesco.unaoc.org/mil-resources/imaxinando-musicas-aturuxo-films/

IMAXINANDO MÚSICAS

O próximo mércores 3 de maio ás 20:00 h. no auditorio  do Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela presentamos dentro do Proxecto IMAXINANDO MÚSICAS  as novas curtametraxes con música en directo. Como sabedes este proxecto pretende facilitar un espazo de creación de cine e música ao alumnado de Aturuxo Films e do Conservatorio.

Esperamos a vosa asistencia para apoiar o excelente traballo do alumnado que compartirá co público a súa experiencia.

This slideshow requires JavaScript.

RETRATO COLECTIVO

Para celebrar o décimo aniversario do proxecto ATURUXO FILMS estamos a traballar nun retrato colectivo no que participa alumnado actual e pasado desta experiencia educativa, profesorado, universitarios do Master de Profesorado de Artes Plásticas da Facultade de Ciencias da Educación da USC e adolescentes e mozas do proxecto 12Nubes que é unha experiencia pedagóxica que desenvolve o Programa Municipal de Educación de Rúa do Concello de Vitoria-Gasteiz e que vincula a acción educativa formal coa do espazo non formal promovendo a reflexión en rede, a participación da cidadanía e a integración social. Cada un deles realizou unha pequena peza audiovisual onde expresa emocións propias da súa idade e o seu percorrido vital. Unha selección formará este retrato colectivo.

Por outra banda continúan os éxitos das nosas curtametraxes En Liña e Máis Aló proxectados como finalistas no Festival Internacional MICE de Valencia, o Festival FOCO de Fuente Obejuna (Córdoba) e o International Youth Film Festival de Plasencia. Tamén fomos convidados a presentar o proxecto Aturuxo Films e unha selección das nosas curtametraxes no Festival MUVIES de Madrid onde acudiron o profesor e tres alumnos e alumnas do centro.

PROXECTOS, DEBATES E RECOÑECEMENTOS

Este curso participamos no proxecto europeo CINED que ten como obxectivo que un gran número de nenos e mozos poidan acceder ao cinema europeo e descubrir a súa diversidade cinematográfica, cultural e lingüística. O día 12 de xaneiro asistimos a primeira das tres proxeccións no Teatro Principal de Pontevedra co filme Pierrot le fou de Jean Luc Godard.

16002917_1661118810852602_434732239125618394_n

Tras a proxección o alumnado do IES de Cacheiras interveu nun interesante debate sobre as intencións, temáticas e solucións expresivas e técnicas do director baixo a moderación do equipo de Novos Cinemas.

c1-8_bcxuaefbcx

Doutra banda seguimos participando en foros sobre alfabetización cinematográfica nas aulas e, nesta ocasión, convidados pola organización do Foro do Festival Las otras miradas / Begiradak Festival de Donostia xunto a, entre outros profesionais do cinema e a educación, Lolo Rico, Michel Gaztambide e Blanca Zaragüeta. Un debate moi enriquecedor onde se sacaron importantes conclusións para seguir desenvolvendo a partir de agora.

15137536_10154376176478692_2778002580249798858_o

E temos que facer mención a un novo recoñecemento ao proxecto Aturuxo Films como finalista da VII edición dos Premios MEP de Boas Prácticas Educativas 2016 onde se presentaron 240 proxectos de todo o estado.

c1lwemvxuamotay-png-large

NOVIDADES PARA ESTE CURSO

Este curso 2016-17 iníciase repleto de novidades como a incorporación dunha nova optativa de libre configuración do centro Cultura Cinematográfica en 2º de bacharelato que reflexionará sobre a esencia do cinema ao longo da historia entre o documental e a ficción a través da experimentación e o debate. Na materia optativa de Cultura Audiovisual de 1º bacharelato matriculáronse 28 alumnos e alumnas e seguimos coa alfabetización cinematográfica na ESO a través da materia de Educación Plástica, Visual e Audiovisual.

Tras os numerosos premios logrados polas curtametraxes creadas polo noso alumnado en diferentes festivais o curso pasado chegan novos recoñecementos para o proxecto educativo ATURUXO FILMS protagonizando a sección CANTEIRAS do Festival Internacional de Curtametraxes CURTOCIRCUÍTO que se vai a desenvolver o martes 4 de outubro ás 16:30 h. no Centro Galego de Arte Contemporánea CGAC e a o que estades todos convidados. Proxectaranse curtametraxes dos ultimos anos e as obras producidas no proxecto IMAXINANDO MÚSICAS en colaboración co Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela que como sabedes pretende crear un espazo de creación ao alumnado de ambos os centros cun diálogo entre cinema e música. O alumnado presentará as suas curtametraxes e interpretaranse en vivo algunhas das músicas xunto á proxección.

Doutra banda imos participar como relatores no II Foro Cinema e Educación do Festival Internacional de Cinema Vía da Prata de Estremadura para trasladar aos participantes o proxecto de alfabetización cinematográfica que se desenvolve no centro.

E, ademais, este curso van cumprir 10 anos do inicio deste proxecto educativo que foi crecendo ata converterse nun referente na alfabetización cinematográfica nas aulas. Esperamos poder celebralo máis adiante con todos os que participastes do mesmo e, en especial, con todo o alumnado que espero aprendese e gozase da experiencia.

UN NOVO CURSO

Xa iniciamos un novo curso con 35 alumn@s repartidos nas optativas específicas de Cultura Audiovisual en 1º de bacharelato e Linguaxe Audiovisual en 4º ESO. Estamos a traballar cun novo proxecto froito da colaboración co Conservatorio de Música Profesional de Santiago de Compostela. Esta proposta do CMUS chega a través de Xosé Antonio Rodríguez, profesor de guitarra e coordinador deste proxecto conxunto; consiste na composición de temas musicais por parte do seu alumnado e que inspirarán ao noso obras audiovisuais posteriormente. É un gran reto creativo para todos xa que inviste o proceso habitual de obra audiovisual e posterior composición de banda sonora. Nesta dirección seguimos traballando e estanse creando as músicas de obras creadas o curso pasado.

Doutra banda seguimos divulgando o proxecto de alfabetización audiovisual ATURUXO FILMS e o 30 de outubro estaremos en Madrid co relatorio ATURUXO FILMS, proxecto de alfabetización audiovisual nas aulas dentro de SIMO EDUCACIÓN. Tamén participaremos o 5 de novembro na VIII Xornada de Recursos educativos en galego. Educación Artística na Facultade de Ciencias da Educación da USC en Santiago de Compostela.

simo