EN CRECEMENTO

Xa iniciado o curso facemos balance deste ano 2017, dos proxectos e actividades desenvolvidas e os que imos realizar neste proxecto de alfabetización cinematográfica que tamén é mediática e dixital.

Co obxectivo de conseguir unha aprendizaxe significativa e profunda no noso alumnado seguimos participando un curso máis no proxecto europeo CinEd ampliando as proxeccións do seu catálogo de películas a todo o alumnado do centro en coordinación co equipo da Biblioteca. O alumnado de Cultura Audiovisual, que este curso chegan aos 32 participantes, van presentar as películas e van moderar un coloquio posterior cos seus compañeiros dos diferentes cursos.

Doutra banda temos que felicitar ao alumnado que logrou numerosos recoñecementos ás obras creadas durante este ano 2017, tanto pola súa selección como finalistas en decenas de festivais nacionais e internacionais como polos sete premios obtidos con cinco curtametraxes diferentes en Donostia, Arxentina, Canarias, Madrid, Boiro, Baio e Valencia. O último premio no Festival Internacional Las Otras Miradas Begiradak Zinemaldia de Donostia recibido pola curta O meu mellor inimigo ao Mellor Curtametraxe de Secundaria e Bacharelato.

DPhLteIWsAErUeJ.jpg-large

Tamén os recoñocementos que segue recibindo o proxecto Aturuxo films e que se traducen na súa condición de finalista entre os vinte mellores proxectos presentados a nivel nacional nos premios de innovación pedagóxica Acción Maxistral da Fundación de Axuda á Drogadicción FAD e a Fundación BBVA e a súa participación e difusión a través de Congresos e Foros de Educación e Cinema.

E por último seguimos co noso labor de formación ao profesorado a través da Consellería de Educación onde difundimos a importancia da alfabetización audiovisual e mediática nos deseños curriculares e animamos ao profesorado a desenvolver nos seus centros educativos estes plans replicando o noso proxecto a través dunha formación en contidos e metodoloxías.

Formación a profesorado 02

Cumprimos 10 anos e antes de que finalice o curso celebrarémolo entre todos como se merece, con máis cultura, cinema e música creada polo noso alumnado.

Advertisements

FINAL DE CURSO

Termina este curso con numerosas novidades, recoñecementos e un gran traballo, de novo, do alumnado que participa neste proxecto de alfabetización cinematográfica e mediática tanto nas optativas de bacharelato como na materia de Educación Plástica, visual e audiovisual.

Para empezar temos que felicitar a Rosana, Sara e Ainhoa polo 1º premio Península do festival canario CINEDFEST na categoría de secundaria pola curtametraxe Máis Aló, a Martín e Yaiza polo Premio Olloboi ao mellor montaxe pola curta Esta son eu e aos creadores das curtas Vals nº1 e Antivals pola mención nos premios Olloboi como finalistas nas categorías de Arte, Fotografía e BSO, todos estes premios acadados no último mes.

E temos que felicitarnos todos porque o Proxecto Aturuxo Films – Imaxinando Músicas foi recomendado pola UNESCO para a alfabetización mediática e informacional a través do seu programa UNAOC o que dá idea da importancia que está a alcanzar este proxecto educativo.

https://milunesco.unaoc.org/mil-resources/imaxinando-musicas-aturuxo-films/

EXHIBICIÓN DE CURTAMETRAXES

Recollemos ás últimas actividades  e novidades do traballo do alumnado en Aturuxo films no mes de maio.

Comezamos pola presentación que tivo lugar o 3 de maio no Conservatorio Profesional de Música de Santiago das creacións do alumnado de ambos centros no proxecto conxunto de creación de cinema e música Imaxinando Músicas. O numeroso público asistente puido gozar das obras e asistir a interpretación en directo da música composta para unha das curtametraxes. Tamén do coloquio posterior co alumnado donde compartir as experiencias e opinións.

O venres 5 o alumnado de Cultura Audiovisual organizou a proxección da longametraxe En Construcción de José Luis Guerín xunto ao Concello de Teo para os veciños e veciñas do mesmo. Presentaron a película e coordinaron o coloquio posterior que foi moi enriquecedor para abordar as diferentes temáticas do filme. Esta actividade inscríbese dentro do proxecto europeo CinEd no que participamos.

E por último felicitar a Rosana, Sara e Ainhoa polo 1º Premio na sección península do festival Cinedfest de Canarias coa súa obra Máis Aló.

IMAXINANDO MÚSICAS

O próximo mércores 3 de maio ás 20:00 h. no auditorio  do Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela presentamos dentro do Proxecto IMAXINANDO MÚSICAS  as novas curtametraxes con música en directo. Como sabedes este proxecto pretende facilitar un espazo de creación de cine e música ao alumnado de Aturuxo Films e do Conservatorio.

Esperamos a vosa asistencia para apoiar o excelente traballo do alumnado que compartirá co público a súa experiencia.

This slideshow requires JavaScript.

ESTREAS

Continuamos con estreas de curtametraxes creadas no curso 2014/15 sobre o uso das novas tecnoloxías e as relacións sociais.
Skate está creado por alumnado de 4º ESO nun excelente traballo cunha idea clara e moi ben expresada.

RETRATO COLECTIVO

Para celebrar o décimo aniversario do proxecto ATURUXO FILMS estamos a traballar nun retrato colectivo no que participa alumnado actual e pasado desta experiencia educativa, profesorado, universitarios do Master de Profesorado de Artes Plásticas da Facultade de Ciencias da Educación da USC e adolescentes e mozas do proxecto 12Nubes que é unha experiencia pedagóxica que desenvolve o Programa Municipal de Educación de Rúa do Concello de Vitoria-Gasteiz e que vincula a acción educativa formal coa do espazo non formal promovendo a reflexión en rede, a participación da cidadanía e a integración social. Cada un deles realizou unha pequena peza audiovisual onde expresa emocións propias da súa idade e o seu percorrido vital. Unha selección formará este retrato colectivo.

Por outra banda continúan os éxitos das nosas curtametraxes En Liña e Máis Aló proxectados como finalistas no Festival Internacional MICE de Valencia, o Festival FOCO de Fuente Obejuna (Córdoba) e o International Youth Film Festival de Plasencia. Tamén fomos convidados a presentar o proxecto Aturuxo Films e unha selección das nosas curtametraxes no Festival MUVIES de Madrid onde acudiron o profesor e tres alumnos e alumnas do centro.