CIDADÁNS CRÍTICOS E REFLEXIVOS

Cúmprense dez anos do inicio do proxecto de alfabetización cinematográfica Aturuxo Films e neste longo percorrido evolucionou co obxectivo de alcanzar unha aprendizaxe profunda e eficaz que deixe pegada no alumnado fortalecendo a súa capacidade crítica e reflexiva cara aos medios audiovisuais.

Nestes últimos anos o proxecto adquiriu unha maior relevancia ata converterse nunha referencia para a integración curricular desta alfabetización que tamén é mediática e dixital. Así, durante este curso colaboramos na formación do profesorado impartindo cursos e talleres, elaboramos artigos para revistas como Making Of ou Convives, participamos na exposición sobre proxectos pedagóxicos de alfabetización mediática na Universidade de Segovia e Congresos da USC ou da Fundación Barrié da Maza. Tamén participamos no proxecto europeo CinEd a través do Plan Proxecta da Xunta de Galicia para fomentar a cultura e o cinema destes países asistindo á proxección na Sala Numax dos filmes El espíritu de la Colmena de Víctor Erice, El Verdugo de Luís García Berlanga e Pierrot le fou de Jean Luc Godard e realizando numerosas actividades como programas de proxeccións de curtametraxes para todo o alumnado do centro.

Ademais as obras creadas polo alumnado recibiron nos últimos meses cinco novos premios en diversos festivais nacionais e en Arxentina e foron proxectados en Italia, Plasencia, Arxentina, Barcelona, Madrid, Córdoba, Zaragoza, Valencia, Donostia, Palma de Mallorca, Santiago de Compostela, A Coruña… E tiveron repercusión nos medios con artigos en prensa e a nosa presenza en TV en programas como A Revista da TVG ou A aventura do Saber de RTVE. Tamén acudimos co alumnado aos festivais International Youth Film Festival de Plasencia e ao Festival FOCO de Fuente Ovejuna en Córdoba onde participaron das actividades e a convivencia con outros mozos de todo o mundo. Aprendizaxe a través da experiencia.

A REVISTA

LA AVENTURA DEL SABER

A través do noso perfil en Facebook e Twitter @aturuxofilms pódese facer un seguimento das nosas actividades e da alfabetización mediática.

Para este outono temos previsto organizar xunto ao Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela  un acto para conmemorar estes dez anos con proxeccións dunha selección de curtametraxes e a interpretación  en directo da música das mesmas dentro do noso proxecto conxunto Imaxinando Músicas. Esperamos reunir ao alumnado destes anos, profesorado, comunidade educativa, persoas relacionadas coa educación e a creación cinematográfica e responsables educativos.

Unha festa cultural donde o talento do alumnado sexa o protagonista.

Advertisements