NOVIDADES PARA ESTE CURSO

Este curso 2016-17 iníciase repleto de novidades como a incorporación dunha nova optativa de libre configuración do centro Cultura Cinematográfica en 2º de bacharelato que reflexionará sobre a esencia do cinema ao longo da historia entre o documental e a ficción a través da experimentación e o debate. Na materia optativa de Cultura Audiovisual de 1º bacharelato matriculáronse 28 alumnos e alumnas e seguimos coa alfabetización cinematográfica na ESO a través da materia de Educación Plástica, Visual e Audiovisual.

Tras os numerosos premios logrados polas curtametraxes creadas polo noso alumnado en diferentes festivais o curso pasado chegan novos recoñecementos para o proxecto educativo ATURUXO FILMS protagonizando a sección CANTEIRAS do Festival Internacional de Curtametraxes CURTOCIRCUÍTO que se vai a desenvolver o martes 4 de outubro ás 16:30 h. no Centro Galego de Arte Contemporánea CGAC e a o que estades todos convidados. Proxectaranse curtametraxes dos ultimos anos e as obras producidas no proxecto IMAXINANDO MÚSICAS en colaboración co Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela que como sabedes pretende crear un espazo de creación ao alumnado de ambos os centros cun diálogo entre cinema e música. O alumnado presentará as suas curtametraxes e interpretaranse en vivo algunhas das músicas xunto á proxección.

Doutra banda imos participar como relatores no II Foro Cinema e Educación do Festival Internacional de Cinema Vía da Prata de Estremadura para trasladar aos participantes o proxecto de alfabetización cinematográfica que se desenvolve no centro.

E, ademais, este curso van cumprir 10 anos do inicio deste proxecto educativo que foi crecendo ata converterse nun referente na alfabetización cinematográfica nas aulas. Esperamos poder celebralo máis adiante con todos os que participastes do mesmo e, en especial, con todo o alumnado que espero aprendese e gozase da experiencia.

Advertisements