GAÑADORES SPOT ANO INTERNACIONAL ASTRONOMÍA 2009

A asociación Nuestros Cielos, a través da web http://www.nuestroscielos.es convocou un concurso de spots publicitarios co motivo da celebración do Ano Internacional da Astronomía e co obxectivo de impulsar a divulgación da astronomía neste ano 2009 no que se celebra o 400º aniversario da observación do ceo cun telescopio por parte de Galileo. Este concurso conta co patrocinio de Eurocosmos, S.L. e está subvencionado pola Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía e o Ministerio de Ciencia e Tecnoloxía.

Dirixido tanto a profesorado como alumnado, decidimos participar xa que estábamos a traballar a linguaxe audiovisual na aula e podía ser un exercicio interesante de creación por encargo. Tiñamos dúas semanas para desenvolver unha idea, o guión e rodar, sonorizar e editar o spot.
Adaptándonos ao tempo dispoñible propuxen unha idea e un guión a partires do que o grupo traballou na elaboración das imaxes reais.

A idea pretende captar a primeira emoción da observación do ceo estrelado e por iso centrámonos nas miradas limpas que observan o espectáculo nocturno. O ser humano fronte a grandiosidade e a beleza da natureza. E internándonos neste espectáculo desde a observación da lúa, como fixo Galileo, atopamos en fulgores os principais obxectivos que pretende acadar a conmemoración do Ano Internacional da Astronomía.

Teño que agradecer publicamente a xenerosidade de todo o profesorado e alumnado que participou como actor e actriz na elaboración deste spot, e no só ós que aparecen finalmente na pantalla senón tamén a aqueles que por motivos creativos non están na montaxe final. Grazas a todos.

Advertisements