Compromiso coa alfabetización audiovisual

Aturuxo Films, ademais da súa actividade docente no IES de Cacheiras e a USC, segue desenvolvendo un amplo traballo na promoción e difusión da necesaria alfabetización audiovisual a través dunha proposta didáctica consolidada. Neste último ano caben destacar, ademais do traballo desenvolvido en numerosos cursos para a formación de profesorado e na Universidade, os premios recibidos ao proxecto desde UXT Educación en Galicia polo seu carácter innovador ou o Premio Mentes AMI á Creación Audiovisual Responsable da Fundación Atresmedia.

Esta difusión compleméntase con publicacións en revistas educativas como EDUGA, Cadernos de Pedagoxía ou o INTEF do Ministerio de Educación. Tamén a pedimento deste Ministerio creamos unha actividade Palanca PROA+ sobre Creación Audiovisual de recente publicación e proximamente unha serie de publicacións e materiais didácticos para impulsar entre o profesorado esta linguaxe polas súas calidades pedagóxicas cun novo proxecto da Plataforma LEER.ES.

Esta liña de traballo pretende concienciar sobre a urxente necesidade de desenvolver nos centros educativos plans de alfabetización na linguaxe cinematográfica para formar ao alumnado de xeito integral. As materias artísticas tanto de Primaria como de Secundaria son as responsables de desenvolver esta alfabetización audiovisual e impartir, tal e como recolle a lexislación LOMLOE, os contidos curriculares para a aprendizaxe da linguaxe cinematográfica que permite a comprensión e creación de mensaxes audiovisuais. O resto de áreas deben utilizar esta linguaxe, do mesmo xeito que o oral e o escrito, como un medio para o acceso á información e a adquisición e construción de coñecemento aproveitando as calidades pedagóxicas dos seus procesos de creación.

O aspecto fundamental para definir un plan de alfabetización cinematográfica é a formación inicial do profesorado que se pode impulsar desde o propio centro educativo a través de grupos de traballo co obxectivo da posta en marcha dun proxecto interdisciplinar. A utilización da linguaxe cinematográfica como un medio máis de expresión e de aprendizaxe na aula fai imprescindible unha formación específica do profesorado, tanto nos elementos da linguaxe e a súa sintaxe como no proceso creativo que posibilita a produción de pezas cinematográficas. Isto permitirá deseñar proxectos pedagóxicos para tratar numerosos contidos a través de metodoloxías activas onde esta linguaxe sexa o vehículo para a aprendizaxe. 

Os docentes deben aprender a valorar a importancia desta linguaxe e estar capacitados para, desde as súas áreas de coñecemento, utilizar e crear recursos cinematográficos con fins pedagóxicos. Esta aprendizaxe da linguaxe cinematográfica debe facerse desde a propia experimentación en tres fases: sintaxe, análise fílmica e publicitaria e creación dunha obra individual e outra colectiva cunha metodoloxía ABP e co manexo das ferramentas TIC necesarias para a súa produción. Que o profesorado pase polo mesmo proceso pedagóxico que posteriormente vai aplicar na aula permítelle desenvolver contidos, estruturar e temporalizar procesos e detectar previamente dificultades. 

Esta formación debe facilitar unha didáctica que proporcione os contidos, coñecementos e metodoloxías de traballo apropiadas para lograr no seu alumnado unha aprendizaxe profunda ligada ás emocións dos procesos creativos.

IMAXINANDO REALIDADES

A mirada de creación cinematográfica permite desenvolver unha dobre vía educativa nos estudantes. Por unha banda, facer documentais é achegarnos poéticamente á realidade, á memoria das persoas que nos revelan a súa verdade nun diálogo co cineasta xa que “a calidade poética dunha película nace da observación inmediata da vida” (Tarkovski, 2011). A cámara convértese en intermediaria permitindo que as persoas sexan recoñecidas socialmente xa que as sitúa no centro do discurso. Estas experiencias cinematográficas aproxímannos á esencia humana a través da exploración e a reflexión profunda emocional e intelectual. E por outro, os procesos de creación cinematográfica permiten desenvolver metodoloxías activas de aprendizaxe na aula para desenvolver as competencias e o coñecemento en calquera área poñendo en marcha mecanismos de colaboración, traballo en equipo, autonomía, responsabilidade e cooperación. Se queremos realizar un achegamento honesto á realidade non podemos facelo con ideas preconcibidas e será o propio desenvolvemento da experiencia e da rodaxe o que irá establecendo as necesidades progresivamente posicionando a cámara como a mirada que rexistra o que acontece non só desde un punto de vista formal senón tamén desde un punto de vista emocional. A experiencia e a reflexión para partir do contido rexistrado pola cámara deben construír unha mensaxe dotada de significado e profundidade, que se aproxime á verdade e a esencia da existencia humana. Porque (Fontcuberta, 2016) “o mérito da creación é a capacidade de dotar á imaxe de intención e de sentido, en facer que a imaxe sexa significativa.”

Esta posibilidade da creación cinematográfica que exploramos en Aturuxo Films permite ao alumnado achegarse á realidade social cercana e crear pezas como Respirar que presenta o testemuño dunha vítima de violencia de xénero e que estreamos en redes tras proxectarse en numerosos festivais de cinema nacionais e internacionais con numerosos recoñecementos como o 2º PREMIO FESTIVAL CINEMA JOVE de Valencia, 1º PREMIO INTERNATIONAL YOUTH FILM FESTIVAL de Plasencia, 1º PREMIO FESTIVAL MICE de Valencia, 1º PREMIO FESTIVAL CACHINUS DE CINE de Cilleros, 2º PREMIO CINEDFEST de Tenerife, 1º PREMIO EMOVE FESTIVAL de Madrid e finalista nos Festivais de Cans, Camera Zizanio de Grecia, Primeir Olhar de Portugal, FECEA de Brasil, DUFF de Croacia ou Youki de Austria.

ATURUXO FILMS – CINEUROPA

O noso proxecto Aturuxo Films – Imaxinando Músicas cumpre 15 anos desenvolvendo a alfabetización cinematográfica e mediática no IES de Cacheiras e o Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela con numerosos recoñecementos.

E celebrámolo cunha gran noticia xa que o Festival Cineuropa dedícanos unha das súas actividades paralelas o 15 de Novembro ás 18:00 h. no Auditorio de Galicia. Proxectaremos unha selección de curtametraxes creadas polo noso alumnado do IES de Cacheiras coa interpretación en directo dalgunhas das bandas sonoras por parte do CMUS de Santiago.

Queremos convidarche a compartir este aniversario e o talento do alumnado.

Podes adquirir as entradas gratuítas en:

https://www.compostelacultura.gal/espectaculos/evento/programa-especial-aturuxo-films-imaxinando-músicas

E ademáis estas curtametraxes estarán dispoñibles na sección do Festival da plataforma FILMIN, un gran recoñecemento á calidade do proxecto e do traballo e talento do noso alumnado.

PAISAXES EFÉMERAS

O proxecto pedagóxico Paisaxes efémeras que xurde de Aturuxo Films obtén o recoñecemento de Finalista nos Premios AMI de Alfabetización Mediática e Informacional da Fundación Atresmedia.

Este proxecto multidisciplinar e transversal articúlase ao redor de dúas liñas de actuación estratéxicas recollidas na lexislación educativa; en primeiro lugar ao concepto de paisaxe e cambio climático en relación cos Obxectivos para o Desenvolvemento Sostible ODS da ONU e, en segundo lugar, á alfabetización informacional, mediática e dixital que permite e facilita os procesos de busca de información, documentación e investigación, coa súa posterior análise e reflexión, así como os procesos de creación en diferentes linguaxes aproveitando as posibilidades dos medios dixitais; procesos propios das metodoloxías activas de aprendizaxe.

O obxectivo fundamental é sensibilizar e actuar contra o cambio climático a través dunha investigación que nos sitúe ante a complexidade do problema e permítanos desenvolver actuacións para a redución das emisións de CO2 e un cambio de hábitos para un desenvolvemento máis sostible. É importante que desde o coñecemento, a sensibilización e a acción individual provoquemos desde o poder comunicativo, reflexivo e pedagóxico da arte unha acción comunitaria que á súa vez provoque a resolución de medidas urxentes por parte dos nosos representantes. Con todo iso preténdese que a cidadanía adquira o compromiso e a iniciativa na sustentabilidade.

Encontro Mentes AMI

PREMIO INNOVAGAL

Recibimos un novo recoñecemento, neste caso á miña labor docente, pola traxectoria de compromiso coa innovación educativa ao desenvolver enfoques didácticos que buscan dar resposta ás necesidades do alumnado e que outorga a Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia. A creación e o desenvolvemento do proxecto pedagóxico Aturuxo Films ten moito que ver neste premio como destaca o xurado: “unha proposta na que emprega a arte coma un motor de desenvolvemento do pensamento crítico. Destaca a súa pedagoxía conectando as artes plásticas (concretamente, o cinema) coa realidade contemporánea. A través do seus proxectos, o alumnado reflexiona e coñece unha linguaxe visual que condiciona a súa vida dende a infancia.

Continuamos coa nosa labor de divulgación e formación para que as linguaxes visual e cinematográfica estean presentes nos procesos de ensinanza-aprendizaxe en todas as etapas educativas e sexan utilizadas como un medio para acceder e construir coñecemento e un medio de expresión, comunicación e aprendizaxe tal e como recolle a LOMLOE: A comprensión lectora, a expresión oral e escrita, a comunicación audiovisual, a competencia dixital, o emprendemento, o fomento do espírito crítico e científico, a educación emocional e en valores, a educación para a paz e a no violencia e a creatividade traballaranse en todas as materias. Todos estes elementos interveñen nos procesos de creación cinematográfica así como un completo desenvolvemento competencial que caracterizan a este proxecto formativo integral, transversal e multidisciplinar.

Desexamos que este novo recoñecemento sirva para difundir e promover a nosa proposta didáctica e a necesidade pedagóxica da alfabetización cinematográfica e mediática nas aulas.

Cinema, aprendizaxe e acción social

A pedagoxía das artes pode contribuír decisivamente á transformación das metodoloxías educativas utilizando os procesos de creación da arte contemporáneo como procesos para a adquisición do coñecemento en calquera área. Como explica María Acaso (2017) é necesario conectar a educación artística coa realidade e conectar a educación xeral coa realidade a través da educación artística.

E neste sentido a experiencia cinematográfica permítenos reeducar a mirada a través de procesos de alfabetización na súa linguaxe e aproveitar as súas metodoloxías e procesos de creación para abordar desde a reflexión crítica e a sensibilidade calquera temática partindo da realidade.

Bergala (2017) afirma que na experiencia dun acto de creación, no xesto de facer, hai unha virtude de coñecemento que só pode pasar por ese xesto. As posibilidades pedagóxicas dos procesos de alfabetización e produción cinematográfica impulsan o pensamento e a reflexión para desenvolver o noso propio coñecemento. E os mecanismos metodolóxicos da aprendizaxe por proxectos posibilitan a cooperación e colaboración en grupos de traballo onde o alumnado aprende a escoitar, expoñer e dialogar con respecto, cooperación e flexibilidade e tamén a resolver problemas, planificar e organizar o tempo de forma eficaz.

O cinema tamén nos permite divulgar contidos sociais contribuíndo á compresión e o enriquecemento con diferentes realidades e dar voz a distintos colectivos recoñecendo os seus dereitos. Por tanto, a experiencia creativa do cinema desenvolve metodoloxías de aprendizaxe facilitadoras de procesos para a adquisición de coñecemento e a acción social. A arte, o cinema e os seus procesos de creación en particular permítennos desenvolver proxectos pedagóxicos integrais onde a reflexión, o pensamento crítico, a creatividade e as metodoloxías cooperativas posibilitan a intervención na contorna máis próxima co obxectivo de impulsar o compromiso social do alumnado. Este achegamento a outras realidades produce no alumnado experiencias e cambios persoais a través do compromiso, a participación e a construción dun proxecto compartido para o cambio e a mellora social. A estratexia pedagóxica debe establecer estes procesos de aprendizaxe, tal e como propón María Acaso (2017), como un marco de acción social onde se alenta a idea de cambiar e transformar o mundo.

As temáticas, realidades e emocións que se reflicten nestas pezas cinematográficas convértense ademais en artefactos causantes de novos procesos de reflexión e aprendizaxe con outros estudantes que poden servir para o desenvolvemento de diferentes proxectos pedagóxicos.

Proxección Esta son eu

Cinema para o coñecemento

Un dos obxectivos fundamentais da arte é achegarnos ao coñecemento xerando un espazo de reflexión e o cinema, como representación artística, non é alleo a esta función. A experiencia cinematográfica non ten como finalidade realizar un rexistro ou unha representación da realidade senón que aspira a revelar certa verdade máis aló da dicotomía ficción ou documental. Jean Luc Godard (1962) explícao moi ben ao afirmar que parte do documental para darlle a verdade da ficción. Este tipo de escritura cinematográfica documental permítenos aproximarnos á realidade como un explorador que percorre camiños á deriva onde o importante é o que nos imos atopando, como nunha aventura. O cineasta Andrei Tarkovski (2011) explica a esencia do cinema como un fragmento de tempo que abarca un conxunto de feitos da vida onde se refuga todo o inservible para conservar só os elementos imprescindibles da imaxe cinematográfica coa intención de restituír a vida. Trátase, por tanto, dunha metodoloxía de traballo que ten como obxectivo revelar unha verdade que partindo da realidade constrúese ou reconstrúe a través do pensamento e a mirada do cineasta. Isto non implica distorsionar a realidade senón elevar as súas significantes porque o impulso dunha experiencia cinematográfica debe ser o desexo de coñecemento.

A mirada de creación cinematográfica permite desenvolver unha dobre vía educativa nos estudantes. Por unha banda, facer documentais é achegarnos poéticamente á realidade, á memoria das persoas que nos revelan a súa verdade nun diálogo co cineasta xa que “a calidade poética dunha película nace da observación inmediata da vida” (Tarkovski, 2011). A cámara convértese en intermediaria permitindo que as persoas sexan recoñecidas socialmente xa que as sitúa no centro do discurso. Estas experiencias cinematográficas aproxímannos á esencia humana a través da exploración e a reflexión profunda emocional e intelectual. E por outro, os procesos de creación cinematográfica permiten desenvolver metodoloxías activas de aprendizaxe na aula para desenvolver as competencias e o coñecemento en calquera área poñendo en marcha mecanismos de colaboración, traballo en equipo, autonomía, responsabilidade e cooperación.

Se queremos realizar un achegamento honesto á realidade non podemos facelo con ideas preconcibidas e será o propio desenvolvemento da experiencia e da rodaxe o que irá establecendo as necesidades progresivamente posicionando a cámara como a mirada que rexistra o que acontece non só desde un punto de vista formal senón tamén desde un punto de vista emocional.

A experiencia e a reflexión para partir do contido rexistrado pola cámara deben construír unha mensaxe dotada de significado e profundidade, que se aproxime á verdade e a esencia da existencia humana. Porque (Fontcuberta, 2016) “o mérito da creación é a capacidade de dotar á imaxe de intención e de sentido, en facer que a imaxe sexa significativa.”

Fotograma Espazos abertos

O CINEMA NA EDUCACIÓN

A implantación masiva da internet, das redes sociais e dos dispositivos móbiles poñen ao noso alcance unha extraordinaria cantidade de información visual a través de fotografías e vídeos que circulan libremente pola rede. Esta inxente cantidade de imaxes condiciona a nosa percepción da realidade e pon en perigo á cidadanía porque, en moitos casos, consumimos as imaxes como espectadores pasivos sen capacidade reflexiva nin crítica e sen preparación. É evidente, por tanto, que descoñecer a linguaxe que constrúe esas mensaxes déixanos nun alarmante estado de indefensión pola súa eficacia comunicativa e a súa capacidade para condicionar a nosa personalidade e comportamento, especialmente en idades temperás.

Ante esta realidade a Comisión Europea publicou recomendacións en 2009/625/CE sobre a alfabetización mediática na contorna dixital e nun informe posterior de 2011 incidiu na necesidade de elaborar un modelo de educación cinematográfica para Europa, que incluíse a apreciación do cinema como unha forma de arte, a comprensión crítica, o acceso ao patrimonio nacional, o cinema mundial e o cinema popular, e as habilidades creativas para facer películas. Tamén recomendou esta definición revisada de Alfabetización Cinematográfica (Film Literacy):

O nivel de comprensión dunha película, a capacidade de ser consciente e curioso na elección de películas; a competencia para mirar críticamente unha película e analizar o seu contido, cinematografía e aspectos técnicos; e a capacidade de manipular a súa linguaxe e recursos técnicos na produción creativa de imaxes en movemento”.

Por tanto parece necesaria e urxente unha adecuada formación da cidadanía para unha lectura e reflexión crítica das imaxes non só como consumidores senón tamén como produtores conscientes e responsables e que debe comezar na educación formal cun deseño curricular progresivo nas diferentes etapas educativas.

Actualmente estase elaborando o currículo da nova Lei de Educación LOMLOE e esperamos que se valore a importancia destas linguaxes visual e cinematográfica que se desenvolven nas súas materias específicas artísticas. Deben aumentar a súa carga lectiva cuns contidos ben estruturados con progresividade nas diferentes etapas educativas para o coñecemento destas linguaxes como vehículos para a aprendizaxe e o desenvolvemento do pensamento crítico e a creatividade.

Iniciamos aquí unha serie de artigos que valoran as posibilidades pedagóxicas do cinema e a súa linguaxe e propoñen unha didáctica posible desde a nosa experiencia no desenvolvemento deste proxecto pedagóxico de alfabetización cinematográfica.

PREMIO NACIONAL BOAS PRÁCTICAS EDUCATIVAS

O proxecto pedagóxico Aturuxo Films – Imaxinando Músicas do IES de Cacheiras recibe o recoñecemento do Ministerio de Educación e Formación Profesional co Premio Nacional de Buenas Prácticas en centros docentes educativos na categoría Desenvolvemento de Competencias de Lectoescritura, Audiovisuais e Alfabetizacións Múltiples.
Neste inicio de curso recibimos tamén varios premios coas curtametraxes creadas polo alumnado como no Festival FICBUEU á mellor curta de secundaria por O meu mellor inimigo ou no Festival Internacional FECEA de Brasil con tres premios ao Mellor Montaxe por O meu mellor inimigo e Mellor Actriz e Premio Marielle Franco pola súa temática contra os micromachismos pola curta Esta son eu.
 
Como sabedes Aturuxo Films desenvólvese desde hai 12 anos no IES de Cacheiras e ten como obxectivo principal fomentar o pensamento crítico a través da creatividade e desenvolver unha mirada reflexiva e sensible aos valores sociais e democráticos. E faio a través da aprendizaxe da linguaxe cinematográfica que articula moitos das mensaxes e informacións que nos chegan, non só a través do cinema ou da televisión, senón fundamentalmente das redes sociais e Internet. Descoñecer como se constrúen esas mensaxes déixanos indefensos, especialmente en idades temperás, podendo condicionar a nosa personalidade e construír unha realidade enganosa. Por iso é importante o labor pedagóxico para desenvolver non só a expresión oral e escrita, senón tamén a audiovisual, como xa recolle a lexislación educativa.
Deste proxecto xurde Imaxinado Músicas que é un proxecto colaborativo co Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela que xerou un espazo de creación de cinema e música para o alumnado de ambos os centros con dúas liñas de traballo, por unha banda, a creación de bandas sonoras para as obras creadas en Aturuxo Films e, por outro, a composición musical a partir das cales se inspira o alumnado do centro de secundaria para realizar unha creación visual.
 
Actualmente o proxecto Aturuxo Films / Imaxinando Músicas é un referente a nivel nacional neste campo con numerosos recoñecementos como o Premio de Alfabetización Audiovisual do Ministerio de Educación, o 1º Premio Proxecta de Innovación Educativa da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional da Xunta de Galicia e os máis de 50 premios en Festivais de cinema nacionais e internacionais recibidos polas numerosas obras creadas polo alumnado como parte do proceso de aprendizaxe. Premio Mellor Curta Europea en Grecia, e varios premios en Rumanía, Argentina, Barcelona, Madrid, Donostia, Valencia, Plasencia, Fuente Obejuna, Zaragoza, La Almunia, Bueu, Noia, Ourense…ata 22 premios só no último curso con seis obras diferentes que reconocen o gran traballo e talento do alumnado que participa neste proxecto que desenvólvese curricularmente en diferentes materias do IES de Cacheiras e do CMUS de Santiago.

1º PREMIO PROXECTA

O venres 24 de maio recibimos o 1º Premio Proxecta de Innovación Educativa 2018 da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional polo noso proxecto Aturuxo Films – Imaxinando Músicas. Un recoñecemento a un proxecto consolidado e referente no ámbito da alfabetización cinematográfica e ao gran traballo realizado por profesorado e alumnado do IES de Cacheiras e do Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela.

No acto tivemos a oportunidade de dirixirnos ás autoridades e público asistente para destacar a importancia dunha educación inclusiva, igualitaria e innovadora que sitúe ao alumnado no centro do proceso de ensino-aprendizaxe. O acto finalizou coa proxección da nosa curtametraxe O meu mellor inimigo de Ana Veiga e Marcela Taracido e con música de Inés Mirás. Esta foi interpretada en directo durante a proxección por Sandra Galera con notable éxito.

TALENTO E SENSIBILIDADE

Sofía Otero, alumna do IES de Cacheiras, recolleu o sábado 11 de maio pola mañá en Madrid o 3º Premio Nacional do Festival Clipmetrajes na categoría de Secundaria despois de gañar anteriormente o 1º Premio Autonómico cunha obra que reflexiona sobre a relación de parella nunha situación de violencia de xénero. Pola tarde Isabella Foylan, tamén alumna do centro educativo, recollía na Almunia (Zaragoza) o 1º Premio Nacional do Certame FESCILA cunha obra que reflexiona con gran profundidade sobre a ausencia. Para completar esta fin de semana exitosa o documental Espazos Abertos gañaba o venres o Premio ao Mellor Documental nos Premios OLLOBOI celebrados en Boiro, unha obra que reflexiona sobre a integración social das persoas que sofren enfermidades mentais e creado polo tamén alumnado do IES Xana Rodríguez, Rubén Pérez, Irene Rodríguez e Antía Rosende. Estas obras e outras moitas realizadas polo alumnado foron producidas dentro do noso proxecto pedagóxico de alfabetización cinematográfica ATURUXO FILMS que se desenvolve desde hai 12 anos co obxectivo de fomentar unha mirada atenta e reflexiva que facilite o pensamento crítico e os valores sociais e democráticos entre os adolescentes. Un proxecto de referencia a nivel nacional neste ámbito e que entre outros recoñecementos recibiu en 2014 o Premio de Alfabetización Audiovisual do Ministerio de Educación e que en breves datas vai recibir o 1º Premio Proxecta de Innovación Educativa da Xunta de Galicia. As obras creadas ao longo destes anos recibiron máis de 40 Premios a nivel nacional e internacional e así neste curso lograron recoñecementos no Festival de cinema de Zaragoza, 1º Premio Amateur na Mostra Curtas na Vila de Noia, 1º Premio Europeo en Camera Zizanio de Grecia, dous premios do Festival O día máis curto, Festival Cinema e Saúde de Zaragoza, Premio ao Mellor Documental CINE BASE da Escola Superior de Cinema e Audiovisuais de Barcelona, o Premio á mellor curtametraxe no Festival Cachinus de Cinema de Estremadura e da Mostra Cineminuto de Arxentina. Logrados con 7 obras diferentes e cunha característica moi especial que é a composición por parte do alumnado do Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela das súas bandas sonoras nun proxecto conxunto de creación de cinema e música denominado Imaxinando Músicas e que está a permitir desenvolver e descubrir o talento do alumnado de ambos os centros públicos de ensino.

FB_IMG_1557755746254

CIDADÁNS CRÍTICOS E REFLEXIVOS

Cúmprense dez anos do inicio do proxecto de alfabetización cinematográfica Aturuxo Films e neste longo percorrido evolucionou co obxectivo de alcanzar unha aprendizaxe profunda e eficaz que deixe pegada no alumnado fortalecendo a súa capacidade crítica e reflexiva cara aos medios audiovisuais.

Nestes últimos anos o proxecto adquiriu unha maior relevancia ata converterse nunha referencia para a integración curricular desta alfabetización que tamén é mediática e dixital. Así, durante este curso colaboramos na formación do profesorado impartindo cursos e talleres, elaboramos artigos para revistas como Making Of ou Convives, participamos na exposición sobre proxectos pedagóxicos de alfabetización mediática na Universidade de Segovia e Congresos da USC ou da Fundación Barrié da Maza. Tamén participamos no proxecto europeo CinEd a través do Plan Proxecta da Xunta de Galicia para fomentar a cultura e o cinema destes países asistindo á proxección na Sala Numax dos filmes El espíritu de la Colmena de Víctor Erice, El Verdugo de Luís García Berlanga e Pierrot le fou de Jean Luc Godard e realizando numerosas actividades como programas de proxeccións de curtametraxes para todo o alumnado do centro.

Ademais as obras creadas polo alumnado recibiron nos últimos meses cinco novos premios en diversos festivais nacionais e en Arxentina e foron proxectados en Italia, Plasencia, Arxentina, Barcelona, Madrid, Córdoba, Zaragoza, Valencia, Donostia, Palma de Mallorca, Santiago de Compostela, A Coruña… E tiveron repercusión nos medios con artigos en prensa e a nosa presenza en TV en programas como A Revista da TVG ou A aventura do Saber de RTVE. Tamén acudimos co alumnado aos festivais International Youth Film Festival de Plasencia e ao Festival FOCO de Fuente Ovejuna en Córdoba onde participaron das actividades e a convivencia con outros mozos de todo o mundo. Aprendizaxe a través da experiencia.

A REVISTA

LA AVENTURA DEL SABER

A través do noso perfil en Facebook e Twitter @aturuxofilms pódese facer un seguimento das nosas actividades e da alfabetización mediática.

Para este outono temos previsto organizar xunto ao Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela  un acto para conmemorar estes dez anos con proxeccións dunha selección de curtametraxes e a interpretación  en directo da música das mesmas dentro do noso proxecto conxunto Imaxinando Músicas. Esperamos reunir ao alumnado destes anos, profesorado, comunidade educativa, persoas relacionadas coa educación e a creación cinematográfica e responsables educativos.

Unha festa cultural donde o talento do alumnado sexa o protagonista.

EN CRECEMENTO

Xa iniciado o curso facemos balance deste ano 2017, dos proxectos e actividades desenvolvidas e os que imos realizar neste proxecto de alfabetización cinematográfica que tamén é mediática e dixital.

Co obxectivo de conseguir unha aprendizaxe significativa e profunda no noso alumnado seguimos participando un curso máis no proxecto europeo CinEd ampliando as proxeccións do seu catálogo de películas a todo o alumnado do centro en coordinación co equipo da Biblioteca. O alumnado de Cultura Audiovisual, que este curso chegan aos 32 participantes, van presentar as películas e van moderar un coloquio posterior cos seus compañeiros dos diferentes cursos.

Doutra banda temos que felicitar ao alumnado que logrou numerosos recoñecementos ás obras creadas durante este ano 2017, tanto pola súa selección como finalistas en decenas de festivais nacionais e internacionais como polos sete premios obtidos con cinco curtametraxes diferentes en Donostia, Arxentina, Canarias, Madrid, Boiro, Baio e Valencia. O último premio no Festival Internacional Las Otras Miradas Begiradak Zinemaldia de Donostia recibido pola curta O meu mellor inimigo ao Mellor Curtametraxe de Secundaria e Bacharelato.

DPhLteIWsAErUeJ.jpg-large

Tamén os recoñocementos que segue recibindo o proxecto Aturuxo films e que se traducen na súa condición de finalista entre os vinte mellores proxectos presentados a nivel nacional nos premios de innovación pedagóxica Acción Maxistral da Fundación de Axuda á Drogadicción FAD e a Fundación BBVA e a súa participación e difusión a través de Congresos e Foros de Educación e Cinema.

E por último seguimos co noso labor de formación ao profesorado a través da Consellería de Educación onde difundimos a importancia da alfabetización audiovisual e mediática nos deseños curriculares e animamos ao profesorado a desenvolver nos seus centros educativos estes plans replicando o noso proxecto a través dunha formación en contidos e metodoloxías.

Formación a profesorado 02

Cumprimos 10 anos e antes de que finalice o curso celebrarémolo entre todos como se merece, con máis cultura, cinema e música creada polo noso alumnado.

FINAL DE CURSO

Termina este curso con numerosas novidades, recoñecementos e un gran traballo, de novo, do alumnado que participa neste proxecto de alfabetización cinematográfica e mediática tanto nas optativas de bacharelato como na materia de Educación Plástica, visual e audiovisual.

Para empezar temos que felicitar a Rosana, Sara e Ainhoa polo 1º premio Península do festival canario CINEDFEST na categoría de secundaria pola curtametraxe Máis Aló, a Martín e Yaiza polo Premio Olloboi ao mellor montaxe pola curta Esta son eu e aos creadores das curtas Vals nº1 e Antivals pola mención nos premios Olloboi como finalistas nas categorías de Arte, Fotografía e BSO, todos estes premios acadados no último mes.

E temos que felicitarnos todos porque o Proxecto Aturuxo Films – Imaxinando Músicas foi recomendado pola UNESCO para a alfabetización mediática e informacional a través do seu programa UNAOC o que dá idea da importancia que está a alcanzar este proxecto educativo.

https://milunesco.unaoc.org/mil-resources/imaxinando-musicas-aturuxo-films/

EXHIBICIÓN DE CURTAMETRAXES

Recollemos ás últimas actividades  e novidades do traballo do alumnado en Aturuxo films no mes de maio.

Comezamos pola presentación que tivo lugar o 3 de maio no Conservatorio Profesional de Música de Santiago das creacións do alumnado de ambos centros no proxecto conxunto de creación de cinema e música Imaxinando Músicas. O numeroso público asistente puido gozar das obras e asistir a interpretación en directo da música composta para unha das curtametraxes. Tamén do coloquio posterior co alumnado donde compartir as experiencias e opinións.

O venres 5 o alumnado de Cultura Audiovisual organizou a proxección da longametraxe En Construcción de José Luis Guerín xunto ao Concello de Teo para os veciños e veciñas do mesmo. Presentaron a película e coordinaron o coloquio posterior que foi moi enriquecedor para abordar as diferentes temáticas do filme. Esta actividade inscríbese dentro do proxecto europeo CinEd no que participamos.

E por último felicitar a Rosana, Sara e Ainhoa polo 1º Premio na sección península do festival Cinedfest de Canarias coa súa obra Máis Aló.